Esquerda Unida presenta un paquete alternativo de medidas fiscais para asegurar a redución do déficit público

EU CONSIDERA PROFUNDAMENTE INXUSTAS E POUCO EFICIENTES AS MEDIDAS DESENVOLVIDAS POLO GOBERNO DO PSOE

ESQUERDA UNIDA DEMOSTRA QUE OUTRA POLÍTICA É POSÍBEL CUN PAQUETE DE MEDIDAS FISCAIS QUE EVITA QUE SEXA A MAIORÍA SOCIAL QUEN PAGUE AS CONSECUENCIAS DA CRISE

O paquete de axuste do Goberno ten por obxectivo a redución do déficit das Administracións Públicas ata o límite do 3% en 2013 (desde o 12,2% actual). Para iso optou por unha política de recorte do gasto que afecta ás pensións, ao salario dos empregados públicos, ao investimento público, o emprego das Administracións e  certas prestacións sociais (lei de Dependencia, cheque.-bebé, etc).

Ademais de ser profundamente inxustas, estas medidas son pouco eficientes para reducir o déficit, posto que reducen o consumo e o investimento, xeran máis paro e, xa que logo, teñen un efecto moi negativo sobre  a recadación fiscal.

Esquerda Unida considera que a redución do déficit público só pode realizarse mediante o aumento da contribución fiscal dos que máis teñen e gañan, é dicir mediante unha reforma fiscal progresiva, que debe ser iniciada por un paquete de medidas urxentes, e cun plan serio de loita contra a economía mergullada e a fraude fiscal. Complementariamente a estas medidas, deben aplicarse en todas as administracións programas de racionalización e control do gasto público.

Para iso, Esquerda Unida defende as seguintes medidas:

1.-  Elevación do tipo impositivo marxinal no último tramo do IRPF (base liquidable superior a 53.407,20 euros; equivalente a uns 60.000 euros anuais de ingresos brutos) do 43 ao 50%.

2.-  Aumento de 5 puntos no imposto sobre beneficios (Imposto de Sociedades) das entidades, sociedades e institucións de intermediación financeira (Bancos, Caixas, Compañías de Seguros, Sociedades de Carteira, etc.).

3.-  Incremento de 3 puntos na tributación das empresas que cotizan en Bolsa e obteñen beneficios.

4.-  Creación dunha taxa sobre as transaccións en Bolsa do 0,2%.

5.-  Imposición extraordinaria do 50% dos bonos, primas e calquera outra retribución extrasalarial dos directivos de institucións financeiras, mentres dure a crise, entendido este fin como situar o índice de paro por baixo do existente a 1 de xaneiro de 2008.

6.-  Recuperación do Imposto de Patrimonio (2.147 millóns de euros en 2007, destinados ao Programa de Emprego das CCAA).

7.- Presentación do Goberno en función do seu exercicio da Presidencia Europea dun plan de converxencia e harmonización fiscal para os países da UE con calendario de aplicación.

8.-  Reorientación da reforma do IVE, eliminando a subida xeral de tipos que entrará en vigor o 1 de xullo e establecendo un IVE especial ao 25% (ou en caso necesario un Imposto especial ou o seu incremento en 7 puntos) para bens de consumo de luxo, animais vivos non destinados a consumo humano, xoias, abrigos e pezas de pel, aeronaves e embarcacións de vela e motor cuxo uso non se destine ao comercio marítimo ou á pesca profesional, etc.

9.-  Redución do IVE ao tipo super reducido (4%) de todos os alimentos e produtos de primeira necesidade.

10.- Adopción da proposta da Comisión de Finanzas das Asemblea Nacional  Francesa (setembro de 2009) no marco de Presidencia semestral española da UE  para suprimir os billetes de 500 euros e reducir a 3.000 euros as cantidades que se poden pagar en efectivo sen comunicación á administración tributaria dos datos do pagador a partir de 1 de xaneiro de 2011.

11.- Supresión da fiscalizade favorable das SICAV que deben tributar como calquera outra sociedade (así ocorre nas Facendas Forais de Euskadi).

12.-  Equiparación da contribución fiscal das rendas do capital e do traballo.

13.- Introducir medidas de fiscalizade verde para gravar as actividades que prexudiquen o medio ambiente e incentivar as que teñan efectos favorables, de acordo coa proposición de Lei de Fiscalizade Ambiental presentada por EU-ICV o pasado 21 de xullo de 2009.

14.-  Consideración no marco da UE da Taxa Tobin como unha ferramenta para financiar iniciativas industriais innovadoras nos sectores estratéxicos para un desenvolvemento xusto e sostible. Proposición das Directivas correspondentes.

15.- Adopción dun Programa de loita contra a Economía Mergullada e a fraude fiscal co obxectivo de reducir a Economía Mergullada e un total de 12 puntos de PIB no período 2010-2013 e duplicar os resultados na represión da fraude fiscal.

En definitiva esquerda unida demostra que outra política é posíbel cun paquete de medidas fiscais que evita que sexa a maioría social quen pague as consecuencias da crise.



Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida