O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO ALERTA DO GRAVE PROBLEMA QUE PODE XURDIR A RAÍZ DA CONTRATACIÓN DO SERVIZO DE LIMPEZA NOS COLEXIOS PÚBLICOS.

marea de vigoAnte a situación que aconteceu no último ano coa concesión do servizo de limpeza nas dependencias municipais, e vendo o arbítreo que se está utilizando na clasificación de ofertas para a limpeza dos colexios, Marea de Vigo considera que, mais que nunca, é indispensable a activación dun control exhaustivo sobre as prácticas laborais das empresas concursantes.

Tal e como xa expuxo o Grupo Municipal da Marea de Vigo en múltiples ocasións, outra vez e lamentablemente para o cadro de persoal que o vai padecer; a xestión que se está a facer por parte das persoas responsables da puntuación das ofertas das empresas no concurso para o servizo de limpeza dos colexios públicos e escolas municipais resulta completamente arbítrea, onde se están primando factores que nin existen nas condicións á ter en conta. Feito que ademais non se mantén de concurso en concurso, posto que, aplicando os mesmos criterios, os resultados terían sido diferentes en moitas ocasións.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, destaca que “como no proceso previo non existe o control que debera existir (cuestión pola que hai moitas persoas involucradas en operacións como a Patos), é necesario establecer un control absoluto sobre os aspectos laborais das empresas gañadoras dos concursos e, neste caso, queremos destacar o control absoluto por si se está utilizando a formación de traballadores para escamotear custos laborais como fan algunhas das empresas que están participando no concurso do servizo de limpeza de colexios e escolas públicas, polas que recibiron xa denuncias. Para o cal, é preciso a introdución de cláusulas de carácter laboral e de auditoría incluso por parte das organizacións sindicais sobre o desenvolvemento do contrato”.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo lle resulta tamén curioso que, tanto Concello como a empresa que levou mais puntuación na clasificación de ofertas sexan clientes da mesma empresa consultora que, por mais de 9.000 euros levou a cabo a asistencia técnica para a elaboración do prego en cuestión. Noutras circunstancias poderíase falar de coincidencia, pero, cos antecedentes na contratación pública no Concello de Vigo nos últimos anos, é moi difícil crelo.

En todo caso, o Grupo Municipal da Marea de Vigo espera que a contratación funcione perfectamente e dentro dos parámetros que establece a lexislación laboral, para que o colectivo de traballadoras e traballadores deste servizo non se vexan prexudicados, unha vez mais, pola mala xestión, intencionada ou non, deste Goberno Municipal sobre as contratas públicas, para o cal vai xa informa que vai estar absolutamente vixilante e vai ter posto sempre un ollo neste servizo.

MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE A SITUACIÓN DA CONCESIÓN DE PARQUES E XARDÍNS OBRIGA A CREACIÓN DE MECANISMOS PERMANENTES DE CONTROL DAS CONCESIONARIAS E A POSTA EN MARCHA DAS FERRAMENTAS QUE XA EXISTEN

conc1Entre os posibles mecanismos está o observatorio da contratación pública en Vigo para “fomentar a auditoría cívica” dos contratos públicos que propuxo en reiteradas ocasións, e constitución da Comisión de Vixilancia da Contratación.

O cadro de persoal e diversos colectivos veciñais, veñen, dende o inicio da concesión, denunciando tanto o estado das zonas axardinadas, como os incumprimentos en materia laboral, pero en lugar de actuar, o Goberno Municipal, mesmo actualizou prezos da concesión cunha modificación de crédito aprobada fai meses.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo pide que se convoque de xeito inmediato a a Comisión de Vixilancia da Contratación Pública como obrigatoria tras unha emenda do noso grupo municipal sobre a proposta de Regulamento, e lembra que leva anos sen convocarse, e de feito, está aínda sen constituír, polo que sería bo avanzar na creación dun organismo aberto que evite “sustos” como os que está dando o contrato de parques e xardíns.

Tamén o Grupo Municipal da Marea de Vigo considera moi interesantes, tal e como xa expresou noutras ocasións, as iniciativas que Concellos como o de Zaragoza lanzaron fai anos, como a da creación dun OBSERVATORIO DA CONTRATACIÓN PÚBLICA, que audita tanto os cumprimentos dos pregos das concesionarias de servizos públicos como a calidade e cumprimento de convenios e lexislación laboral dos contratos de traballo que formalicen.

Para Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, a operación Patos, os informes do tribunal de contas dubidando dos procedementos de adxudicación de obras do PLAN E e mesmo as recentes denuncias sobre contratación formuladas por colectivos ou mesmo grupos municipais, xa fan imprescindible dotarse de organismos transparentes que auditen a contratación no Concello de Vigo “visto que hai unha desidia interesada ou mesmo provocada polo propio Goberno Local”.

É notorio que coa negativa a reunir á Comisión de Vixilancia da Contratación, ou mesmo a negativa a creación da comisión especial de investigación que solicitou Marea de Vigo “non existe nin control nin vontade de facer un seguimento exhaustivo sobre a calidade do traballo que xeran as contratas, sobre as contratacións nas mesmas, sobre contratos menores, sobre inversións, etc….

Marea de Vigo propón a posta en funcionamento deste observatorio, onde participarían os grupos municipais, as seccións sindicais do concello, os comités de empresa das grandes concesionarias públicas e mesmo o tecido veciñal e asociacións de consumidores e usuarios, serviría para ter un organismo plural e apartidario de seguimento do grado de cumprimento dos pregos de concesión, algo practicamente inexistente na actualidade na nosa cidade e deixado ao arbitrio do concelleiro da área correspondente. Do mesmo xeito que propoñemos que se apliquen as sancións correspondentes ás concesionarias que incumpran os pregos, ó marxe das detraccións nas facturas, que é o único que fixo este goberno municipal neste caso coa concesionaria de parques e xardíns.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO CONSIDERA POLITICAMENTE IRRELEVANTE O SOBRESEMENTO DA IMPUTACIÓN DA FAMILIAR DE CARMELA SILVA NO CASO DO SUPOSTO ENCHUFISMO E LEMBRA QUE, ADEMAIS DE FUNCIONARIOS DESTE CONCELLO, UN EDIL SEGUE SENDO INVESTIGADO NA CAUSA.

logowebA Marea de Vigo insiste na necesidade da asunción de responsabilidades políticas con respecto os diversos casos xudiciais abertos nos que se atopan inmersos varios ediles do Concello.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo quere lembrarlle tamén a Pedro Sánchez que, cando afirma que non leva persoas imputadas nas súas listas, posiblemente sexa por que as persoas imputadas xa teñen cargos institucionais actualmente, como acontece no Concello de Vigo. Nin máis nin menos que 5 dos 17 dos que tanto presume o alcalde para xustificar cada unha das súas accións.

A Marea de Vigo considera que a súa función ó respecto á hora de pedir responsabilidades é política, tal e como substanciou en varias ocasións pedindo comisións de investigación no Pleno do Concello, que lle foron sempre negadas, demostrando o Grupo Socialista ese talante democrático do que se vanagloria día si, día tamén, véndose obrigados a personarse como acusación popular no seu día na Operación Patos por unha cuestión incluso de necesidade, poñendo así unha “barreira de contención”. Pero polo que se pode ver día tras día, dá a impresión de que non hai límite nesta Casa do Concello, cada vez son máis as paralizacións e anulacións dos concursos públicos, ben por que moitas empresas, fartas das dinámicas das mesas de contratación, presentan recursos, ou ben por ordes do tribunal administrativo central de recursos contractuais.

O que está claro, segundo Rubén Pérez, voceiro do GM da Marea de Vigo, e que “existe unha grande distorsión na contratación pública neste Concello, e a cidadanía ten que saber do xogo que se está a facer cos seus cartos, pero o seu Goberno Municipal, representado por Abel Caballero en lugar de dar explicacións, adícase a facer declaracións dun moi baixo nivel político e descualificacións ó estilo mesmo dunha parodia de Nerón cara a quen lle está preguntando que está a acontecer coas concesionarias públicas.”

MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE XA É HORA DE ACLARAR POR QUE AS CONTRATACIÓNS PÚBLICAS DO CONCELLO E AS SÚAS CONCESIONARIAS ESTÁN SENDO PROTAGONISTAS NOS XULGADOS E NO TRIBUNAL DE CONTRATACIÓN PÚBLICA DÍA TRAS DÍA.

logowebRubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, afirma que “ resulta incrible que ata o de agora pareza que a ninguén lle chamasen a atención certas prácticas neste Concello con respecto o trato coas concesionarias, e de ser así, os posibles motivos polos que non foron denunciadas”

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que estamos asistindo a un vergoñento espectáculo xudicial día tras día, ademais das dinámicas na contratación pública deste Concello que se están levando a cabo nalgunhas mesas de contratación, tal e como vimos denunciando dende a chegada da Marea de Vigo ó Concello, que, ademais, motivou no seu día a non participación do Grupo Municipal nas mesmas, o coñecer o contido do sumario da Operación Patos.

A Marea de Vigo considera insuficiente e ridículo un pleno extraordinario ou unha intervención nun pleno ordinario para aclarar todo isto, xa que xa vivimos, a piques de rematar a anterior lexislatura, un pleno extraordinario de duración de 15 minutos con quendas pechadas, a modo de “sainete”, onde, precisamente se trataba o asunto dos supostos “enchufes” da familiar da primeira Tenente de Alcalde do Concello, Carmela Silva, na empresa Imesapi, a mesma que está protagonizando a accidentada concesión de alumeado público, así como varias causas no xulgado, onde están sendo investigados funcionarios e cargos de este Concello.

Polo tanto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo vai solicitar unha vez máis, unha comisión de investigación, aínda que sendo conscientes de que seguramente sexa rexeitada como as anteriores, feito que debería dar que reflexionar a veciñanza viguesa, que é, en definitiva, quen sufraga todos estes desmáns e posibles presuntos delitos.

MAREA DE VIGO PIDE A CONVOCATORIA DA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DA CONTRATACIÓN PÚBLICA, ASÍ COMO REITERA A SOLICITUDE DA CREACIÓN DUN OBSERVATORIO DA CONTRATACIÓN PUBLICA PARA “FOMENTAR A AUDITORÍA CÍVICA” DOS CONTRATOS PÚBLICOS

pleno-rubenMarea de Vigo considera importante que finalmente non desapareza do regulamento do pleno a Comisión de Seguimento da Contratación Pública como obrigatoria tras unha emenda do grupo municipal da Marea de Vigo, pero lembra que “leva anos sen convocarse” polo que sería bo avanzar na creación dun organismo aberto que evite “sustos” como a anulación do contrato de parques e xardíns, ademáis da propia Comisión.

Para Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, a Operación Patos, os informes do tribunal de contas dubidando dos procedementos de adxudicación de obras do PLAN E e mesmo as recentes denuncias sobre contratación formuladas por colectivos ou mesmo grupos municipais e empresas, xa fan imprescindible dotarse de organismos transparentes que controlen a contratación no Concello de Vigo “visto que hai unha desidia interesada ou mesmo provocada polo propio Goberno Local”.

É notorio que coa negativa a reunir á Comisión de Seguimento da Contratación ata o de agora, ou mesmo a crear a Comisión Especial de Investigación que solicitou a Marea de Vigo “non existe nin control nin vontade de facer un seguimento exhaustivo sobre a calidade do traballo que xeran as contratas, sobre as contratacións nas mesmas, sobre contratos menores, sobre inversións, etc….”

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera “moi interesantes” as iniciativas que Concellos como o de Zaragoza lanzaron fai anos como a da creación dun OBSERVATORIO DA CONTRATACIÓN PÚBLICA que vixía tanto os cumprimentos dos pregos das concesionarias de servicios públicos como a calidade e cumprimento de convenios e lexislación laboral dos contratos de traballo que se formalicen.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo propón a posta en funcionamento deste Observatorio, onde participarían os grupos municipais, as seccións sindicais do concello, os comités de empresa das grandes concesionarias públicas e mesmo o tecido veciñal e asociacións de consumidores e usuarios, serviría para ter un organismo plural e apartidario de seguimento do grado de cumprimento dos pregos de concesión, algo prácticamente inexistente na actualidade na nosa cidade e deixado ao arbitrio do concellerio da área correspondente.

Situacións como a de Linorsa que de novo debe salarios e pagas o cadro de persoal estarían fiscalizadas “en tempo real” tanto por representantes do Concello, das e dos traballadoras/es e mesmo ampas e organizacións relacionadas cos centros educativos afectados polo impago dos salarios.

MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE A TRANSPARENCIA DEMÓSTRASE CUMPRINDO A LEI E SEN SILENCIOS ADMINISTRATIVOS ENCUBERTOS

logowebO grupo municipal da Marea de Vigo, sobre o comunicado feito onte por Alcaldía, valora que, en lugar de “pregoar” que o Concello de Vigo é un exemplo de transparencia con respecto á contratación pública, o Goberno Municipal debería aportar a información solicitada pola oposición para poder ser realmente tal exemplo.

Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, considera que o motivo polo cal son provocadas as verbas do Alcalde no día de onte, non é outro que o achegamento do grupo municipal á información que se lles leva negado dende o principio da lexislatura, posto que gran parte dela xa está sendo coñecida polo grupo municipal da Marea de Vigo a consecuencia da personación na “Operación Patos”.

O grupo municipal da Marea de Vigo ten solicitado vía moción no primeiro pleno ordinario a apertura dunha comisión de investigación sobre os expedientes requisados pola UDEF na “Operación Patos”, moción votada en contra por parte dun goberno municipal que agora fai un chamamento á transparencia. No mesmo sentido, fixo unha pregunta no último pleno, obtendo como resposta un sinxelo “iso xa se contestou no seu día”.

Ademais da vía plenaria, foron reiteradas as solicitudes de expedientes via rexistro que se levan feito dende o mes de xullo, todas elas sen contestar, a pesar de que as normas legais ás que agora fai alusión o Alcalde, indican que deben ser contestadas en cinco días, máis que sobrepasados dende que se fixo última solicitude.

Polo tanto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo pídelle o alcalde seriedade e un pouco de contención á hora de facer este tipo de declaracións. Lémbralle tamén, que de ter cumprido o Goberno Municipal a normativa legal vixente, xunto coa aplicación dun pouco de coherencia a hora de auto-proclamarse “os máis transparentes”, e polo tanto, demostralo cos feitos, este grupo municipal non se vería obrigado a acudir ós xulgados nin a deixar de ir as mesas de contratación que agora están sendo cuestionadas xunto con algúns dos seus membros que ostentan concellerías no día de hoxe.

MAREA DE VIGO TACHA A ACTITUDE DO GOBERNO MUNICIPAL COMO ANTIDEMOCRÁTICA CON RESPECTO O ACCESO Á INFORMACIÓN E DOCUMENTACIÓN POR PARTE DA OPOSICIÓN.

Marea-Vigo-rubenO grupo municipal da Marea de Vigo, ven de rexistrar hoxe outra solicitude de acceso ós expedientes de contratación pública despois de obter silencio administrativo en tódalas peticións feitas ó respecto.

Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, en vista do silencio que se está obtendo por parte do Goberno Local con respecto ó acceso os expedientes de contratación, considera que “estase a incumprir a lexislación vixente en canto a dereito de información e transparencia no Concello de Vigo, nun sistema de goberno e administración baseado no principio de democracia e representación”

Marea de Vigo lembra nas súas peticións que, segundo recoñece o texto constitucional, a Lei de Transparencia, así como na lei Reguladora das Bases do Réxime Local, onde especifica, no seu artigo 77 “Todos los miembros de las Corporaciones locales tienen derecho a obtener del Alcalde o Presidente o de la Comisión de Gobierno cuantos antecedentes, datos o informaciones obren en poder de los servicios de la Corporación y resulten precisos para el desarrollo de su función.La solicitud de ejercicio del derecho recogido en el párrafo anterior habrá de ser resuelta motivadamente en los cinco días naturales siguientes a aquél en que se hubiese presentado” e non descarta recorrer a outros estamentos si esta situación non cambia nun breve espazo de tempo.

Con data 15 de xullo, solicitáronse por primeira vez a as copias dos expedientes de concesións públicas coa empresa Clece SA (da que ó grupo municipal só lle consta que a solicitude está nun arquivador do despacho do concelleiro correspondente), solicitude que reitérase con data do 5 de outubro, sen resposta, do mesmo xeito que a solicitude da relación de expedientes de gasto menor tramitados polo departamento de Parques e Xardíns, departamento que nos últimos meses semella estar no epicentro de irregularidades e asuntos xudiciais.

A solicitude rexistrada hoxe é sobre o acceso informático ós expedientes, dentro dos parámetros que lle corresponden como grupo municipal, e se teme que esta solicitude vaia a parar o mesmo sitio que as anteriores.

Marea de Vigo non entende como acontecen estes feitos nun concello que se auto denomina como transparente e anima a veciñanza a facer valer os seus dereitos de acceso á información sobre a xestión das e dos representantes escollidos pola mesma.

ESQUERDA UNIDA PIDE UN PUNTO MONOGRÁFICO NO PRÓXIMO PLENO DE VIGO SOBRE A IMPUTACIÓN DOS INTERVENTORES E UNHA COMISIÓN MUNICIPAL ESPECIAL NA PRÓXIMA LEXISLATURA

Concello_de_VigoO coordenador local de EU en Vigo, Rubén Pérez, considera que a as irregularidades  na política de contratación pública e de personal para os programas de emprego ten que ser auditada públicamente e pide responsabilidades políticas e un compromiso para erradicar as prácticas clientelares na vindeira lexislatura e nos meses que restan da actual.

EU cree preciso aplicar o ARTIGO 51 do regulamento do pleno no tocante ás COMISIÓNS ESPECIAIS que permite “constituír, en calquera momento, para un asunto concreto co fins de estudo, elaboración de propostas ou outros de natureza análoga, co ámbito de actuación que se estableza no seu acordo de creación.”

Esta comisión debería elaborar un informe que veña a dar luz e taquígrafos tamén sobre os procesos de elaboración de pregos, adxudicación e mesmo se realmente realizouse un seguemento das contratacións públicas outorgadas ás empresas que figuran no centro de investigacións xudiciais como a operación Patos e por extensión en todo o proceso de adjudicación de obras contidas nos plans de humanizacións dende 2011.

O coordenador local de EU, Rubén Pérez, lembra que esta comisión pode ser proposta pola alcaldía ou dun so grupo municipal e a súa aprobación require de maioría absoluta.

Esta comisión contaría tamén, tal e como recolle o regulamento, coa presenza de persoal do Concello que participara directa ou indirectamente na elaboración ou aprobación dos plegos, procesos de selección, etc…

EU non entende outro xeito de aclarar ante a cidadanía o sucedido que unha transparencia total e pública, así como o traslado ao pleno como o único vehículo de democracia local.

ESQUERDA UNIDA DE VIGO PIDE AUTÉNTICA TUTELA SINDICAL PARA EVITAR QUE OS PROCESOS DE CONTRATACIÓN PÚBLICA NO CONCELLO SEÑAN UNHA INDECENCIA.

O coordenador local de EU en Vigo, Rubén Pérez di que nin en probabilidade matemática nin en estatística se obtén un resultado tan “aliñado” entre familiares da UGT e contratación de personal no Concello. “8 de 10 non é loteria senón outra cousa”.

EU pide que non figuren nomes nin datos personais nos exames e que señan sustituidos por códigos numéricos auditados polo tribunal das oposicións.

EU considera que as acusacións verquidas en 2011 por CCOO, e que non foron negadas a pesar de anular a denuncia o xuiz, veñen a reiterarse especialmente no tocante ao anonimato no proceso de selección, feito absolutamente evidente na oferta de emprego público de 2008.

EU leva anos recibindo denuncias de formulacións de exames pensados para “centrar aos amigos e despistar aos demais” e considera que o papel dos sindicatos ten que ser o de garantir a pluralidade, igualdade e transparencia do proceso.

O coordinador local de EU considera que a “casualidade” nun proceso selectivo non pode ser o argumentario que empreguen de xeito análogo un responsable sindical e o presidente da deputación de Ourense, por poñer un exemplo e pide clarificación por parte da UGT do acontecido.

ESQUERDA UNIDA DE VIGO CONSIDERA QUE A DIMISIÓN DO CONCELLERIO ANGEL RIVAS TEN QUE SER INMEDIATA E PIDE AO PP OU BNG QUE SOLICITEN AO PSOE A CREACIÓN DUNHA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN SOBRE OS CONTRATOS RELACIONADOS COA OPERACIÓN ”PATOS” E A IMPUTACIÓN DESTE CONCELLEIRO.

angel_rivasO coordenador local de EU en Vigo, Rubén Pérez, lembra que en febreiro rexistrou no rexistro do concello unha petición ao pleno para artellar, de acordo co artigo 51 do regulamento orgánico do pleno do Concello de Vigo, a creación dunha comisión especial de investigación da licitación e seguemento dos contratos públicos relacionados coas empresas CESPA, EIRIÑA e en xeral as relacionadas coas humanizacións.

EU considera “infame” o silencio do alcalde e lembra que se as sucesivas operacións xudiciais que están tocando ao Concello de Vigo exise do alcalde a responsabilidade de informar de que contratos e procedementos administrativos están en investigación é do alcalde como presidente da corporación local.

EU cree preciso aplicar o ARTIGO 51 do regulamento do pleno no tocante ás COMISIÓNS ESPECIAIS que permite “constituír, en calquera momento, para un asunto concreto co fins de estudo, elaboración de propostas ou outros de natureza análoga, co ámbito de actuación que se estableza no seu acordo de creación.

Para EU esta comisión debería elaborar un informe que veña a dar luz e taquígrafos sobre os procesos de elaboración de pregos, adxudicación e mesmo se realmente realizouse un seguemento das contratacións públicas outorgadas ás empresas que figuran no centro das investigacións xudiciais e por extensión en todo o proceso de adxudicación de obras contidas nos plans de humanizacións dende 2011.