Para ser un Vigués de primeira…….. (Caixanova contada para nenos e cidadáns desinformados)

Rubén Pérez
Coordinador de ESQUERDA UNIDA en Vigo
e glorioso titular dunha conta e un cerdito con follas de trevo verde da Caixa de Aforros desde 1977

Na miña época había dúas cousas que tenias que facer nada máis nacer para obter o visado de bo vigués: ir a Portugal cos teus pais a facer unha boa provisión de toallas e albornoces; escondido porque os nenos pagabamos aduana (aínda hoxe en día pregúntome porqué) e abrir unha conta na Caixa de Aforros de Vigo ao nacer. O cal dábache dereito a un cerdito-hucha con follas de trevo verde que lucia xenial nos aparadores familiares.

Logo esa caixa que a todos os nenos parecíanos como un ente de bondade que por nacer dábanos diñeiro (entón non sabiamos que eran os nosos pais ou avós), fagocitó a outras caixas en Orense e Pontevedra e de tamaña dixestión orixinouse un novo ser que deron en chamar Caixanova.

E en moitas cidades de España paso o mesmo, e das Caixas de Aforros municipais deuse paso a unhas CAIXAS (así como maiúsculas e negrita) que xa eran a ostia pai, competían coa Banca, facían aos partidos políticos pelexarse por cadeiras de brazos e encandeaban a obreiros asalariados no marabilloso mundo dos préstamos de calquera ralea: hipotecarios, persoais, de consumo, para vacacións, para a comuñón da nena,….

E claro, os Bancos empezaron a ver que a xente tiña moito máis agarimo ás caixas (porque todos os nenos tiñamos contas desde que saïamos da placenta) e que había moito diñeiro nas súas caixas fortes. E dixéronlle alá polo ano 2000 a un presidente baixiño e de bigote que había que acabar co sistema semi-público de caixas, que ou xogabamos todos igual (eles e as caixas) ou rompían o xoguete.

Pero claro, o señor baixiño non puido cargarse as caixas porque todos os nenos chorariamos desconsolados ao ver que as nosas cándidas contas de aforro infantís levaríanllas os malos de chapeu alto e puro que chamaban banqueiros. E o que fixo, o e outros moitos en concellos e autonomías, foi converter ás caixas no mesmo que os bancos pero con cara máis amable. Que se obra social en forma de bailes da terceira idade, que se diñeiro para as festas parroquiais….

E entón as Caixas dixeron, pois xa que somos como bancos e encima temos o agarimo de nenos e pais, imos meternos de cheo no negocio bancario (que desde os tempos en que Xesucristo se foi ao templo a acordarse da nai dos mercadores é prestar con usura) e empezaron a meter os ahorritos de obreiros, xubilados e nenos nunha cousa que nace da terra pero que, convenientemente modelado e cocido chámase LADRILLO. E claro, por cada ladrillo saían miles de reais, orixinarios todos dos salarios e pensións deses mesmos obreiros e xubilados pero convenientemente convertidos nunha nova forma de ?traballar para o faraón? chamada HIPOTECA.

Pero claro, os banqueiros tamén facían isto en todo o mundo (non só cos ladrillos senón cos paquetes accionariais e o petróleo) foise xerando unha marimorena que veu estalarnos a todos na cara en forma de crise do leite.

E banqueiros, caixeiros, obreiros, xubilados e nenos impositores vímonos metidos nun balbordo monumental. Os Bancos e as Caixas resultaba que por encantamento xa non tiñan ese diñeiro que que depositaramos porque os señores do ladrillo leváronllo para facer casas que agora non podiamos comprar porque nos quedabamos no paro, e resultado diso era que non podían devolver ese diñeiro ás caixas e bancos

Vaia lea eh?

Pois resulta que con todo isto descóbrese que sobran caixas e bancos, algúns din que hai que fusionarse, disolverse, aparearse ou disfrazarse no entroido máxico das finanzas. Os nenos tremen porque non saben que pasará cos seus cartillitas e aqueles gloriosos cerditos con follas de trevo que nos regalaba a caixa de aforros

E vai e un alcalde vigués e moita xente asustada, sae onte á rúa para defender a esa CAIXANOVA que se meteu no lodo do ladrillo e a maxia das finanzas como as súas 42 caixas amiguitas de toda España. E saen porque ven ese neno chorando que somos todos os vigueses de primeira, pola súa CAIXA DE AFORROS no canto desa CAIXANOVA que se pega unha mariscada co pocero, dálle 90 millóns de euros e o señor devólvelle moitas casiñas a medio terminar nun páramo toledano

Menos mal que nos queda Portugal¡¡¡¡¡ todos a por toallas

Esquerda Unida participará na entrega da proposición de lei por iniciativa popular pola garantía dos dereitos lingüisticos na Galiza

A LIP QUE SE PRESENTARÁ CO APOIO DE ESQUERDA UNIDA PRETENDE LEXISLAR O USO DO GALEGO NAS ADMINISTRACIÓNS DE GALIZA E NO ENSINO


A LEI POR INICIATIVA POPULAR PRETENDE DESENVOLVER NA PRÁCTICA, A LEI DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA APROBADA POR CONSENSO FAI MÁIS DUN CUARTO DE SÉCULO

O luns, 8 de febreiro de 2010, as 11 h. unha representación de Esquerda Unida, xunto con representantes doutras organizacions pertencentes a Plataforma Queremos Galego, fará entrega no rexistro do Parlamento de Galicia da Proposición de Lei por iniciativa lexislativa popular pola garantía dos dereitos linguisticos que a plataforma leva promocionando nos últimos meses.

A dita proposición de Lei, por iniciativa popular, pretende lexislar o uso do galego polas administracións de Galiza e no ámbito do ensino, desenvolvendo a Lei de normalización lingüística, aprobada por consenso fai más dun cuarto de século, para dar cumprimento efectivo aos seus preceptos referidos ás Administracións públicas de Galiza na regulación dos seus usos lingüísticos en cuestións fundamentais como o procedemento administrativo, a contratación administrativa ou as axudas públicas.

Por outra banda a devandita proposición de Lei tamén pretende dar cumprimento práctico a mencionada Lei de normalización lingüística no apartado referido ao ensino, onde indica que ao remate do ensino obrigatorio se garantirá a igualdade de competencia lingüística nos dous idiomas oficiais, algo que na actualidade non se está a cumprir.

Preténdese, en definitiva, facer efectivos os dereitos lingüísticos do pobo galego, dando cumprimento ao deber de fomento do uso do galego na vida pública para que a nosa lingua propia acceda a ámbitos institucionais e privados dos que tradicionalmente estivo excluída, nun momento en que a grave perda de falantes aconsella a adopción de medidas urxentes con rango de lei formal, sen prexuízo de desenvolvementos futuros máis ambiciosos para a normalización plena da nosa lingua nacional.

As medidas aprobadas recollen igualmente os compromisos internacionais derivados da Carta europea de linguas rexionais e minoritarias de 1992, ratificada polo Estado español en 2001, e o acordo unánime do Parlamento de Galiza polo que se aproba en 2004 o Plan xeral de normalización da lingua galega.

Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida

Por unha caixa galega, pública e democrática

Ratificamos os criterios expresados no mes de decembro pola Executiva Nacional para desenvolver de maneira axeitada o proceso de creación dunha caixa única galega, xérme dunha banca pública autonómica. En concreto defendemos:

· Garantir o mantemento do emprego diante da previsible redución de sucursais.

· Saneamento das caixas antes de proceder á fusión das mesmas.

· Mantemento das caixas como entidades públicas xestionadas por profesionais, pero dirixidas polos poderes públicos de maneira clara e decida segundo a política económica deseñada ou planificada.

· Aposta por unha política crediticia que atenda a economía produtiva e aos sectores xeradores de emprego.

· Redefinición da política social das caixas, superando unha competencia estéril e redundante entre elas e cun enfoque demasiado atento aos espectáculos.

Rexeitamos a lei de caixas tal como foi aprobada polo Parlamento Galego co apoio do PP e BNG, por canto non impide unha futura fusión con caixas de fora da comunidade; non garante unha xestión transparente; non se compromete cunha política industrial sustentable e vencellada ao I+D+i, deixándoa nas máns dos seus órganos retores; non impide o mantemento das inversións especulativas xeradoras da burbulla inmobiliaria; non impide operacións en paraísos fiscais.

Rexeitamos a proposta de fusión entre Caixanova e Caixagalicia nos termos propostos por unha empresa consultora privada, porque non se garante o mantemento dos postos de traballo.

Rexeitamos a estratexia do PSOE e PP, supeditada ós intereses dos grandes bancos, consistente na oposición ás fuxións intraautonómicas, na desvinculación das caixas co desenvolvemento dun territorio, promovendo as fusións interautonómicas como paso previo para a súa total bancarización e posterior liquidación no panorama español dun modelo de institucións financieiras sen ánimo de lucro accionarial e competidoras coa gran banca.

Consideramos demagóxica a oposición á fusión das caixas galegas defendida polo alcalde de Vigo e PSdG, quens ó mesmo tempo defenden un SIP con caixas extraautonómicas (Caixa Cantabria por exemplo) que, inda mantendo formalmente a personalidade xurídica das caixas asociadas, na práctica suporía unha perda de control democrático sobre a asociación resultante, un ente sen referencia territorial viguesa ou galega. Un SIP non garante por si mesmo os postos de traballo e adoece das mesmas carencias mencionadas aquí para a lei de caixas de Galicia.

Rexeitamos, pois, a manifestación covocada por Caballero para o día 9 como unha burda manobra chovinista para disfrazar a comentada estratexia do PSOE.


Vigo, 1 de febreiro de 2010
Consello Comarcal de Vigo

Segue a loita por unha sanidade pública e de calidade

As empresas privadas presionan para des-organizar a sanidade pública na procura da súa ganancia  capitalista.

Por iso a Consellería de Sanidade gobernada polo PP quere privatizar no novo hospital de Vigo a xestión de servizos como  limpeza, seguridade e vixiancia, central, lavandería e lencería, cociña, mantemento, transporte interno e externo, subministración e xestión enerxética, central de abastecemento e tratamento de auga, repografía e imprenta, conservación de vías e xardíns, locais comerciais, aparcadoiros e garderías.

Compre non esquecer que o goberno bipartito (PSOE+BNG) tivo a súa responsabilidade nesta situación por canto inaugurou por tres veces o inicio das obras do novo hospital, non deixando nin a primeira pedra posta, facilitándolle a estratexia privatizadora ó PP.

Esta estratexia sanitaria do goberno galego non atinxe soamente a Vigo, senon que reproducirase o longo de Galicia. Convén lembrar que a privatización dos recursos sanitarios está contemplada na Lei 15/97 de Habilitación de nuevas formas en el sistema nacional de salud foi apoiada no parlamento español polo PP + PSOE.

Apoiamos a concentración que levará a cabo o persoal sanitario este martes, día 2,  ás 11 h.  na porta principal do Hospital Xeral de Vigo.

Chamamos a cidadanía viguesa a expresar a súa solidariedade con esta acción.



Vigo, 30 de xuño de 2010
Secretaría de Comunicación

Willy Meyer propón en Bruxelas unha visita do Parlamento Europeo para avaliar a contaminación da Ría de Vigo

Willy Meyer e Jose Antonio Fernández

O pasado día 28 tivo lugar unha reunión da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo que abordou a problemática da contaminación da Ria de Vigo, especialmente ante a prevista ampliación da depuradora de Lagares. O eurodiputado de EU, Willy Meyer, destacou a necesidade de preservar a biodiversidade da Ría. Por ese motivo, pediu que as peticións quedasen abertas e propuxo á Comisión que estudase a posibilidade de desprazarse a Vigo para realizar un estudo integral da Ría de Vigo.


A reunión contou coa presenza dos peticionarios das tres queixas. En primeiro lugar interveu José Antonio Fernández, en nome da Plataforma de Afectados pola Depuradora do Lagares, que presentou a petición 0260/1999, que leva máis de once anos sendo abordada pola Comisión e que conta co respaldo de máis de 4000 firmas. A súa intervención centrouse nas carencias do proxecto de nova depuradora e demandou a retirada dos fondos públicos europeos do mesmo, en base á vulneración de directivas comunitarias.

Esta nova depuradora pretende substituír a anterior construída con financiamento comunitario fai doce anos e cuxo deficiente funcionamento carrexou a vertedura de miles de litros sen tratar á Ría de Vigo, con graves repercusións ambientais. Como consecuencia diso, a praia de Samil presentou altos índices de bacterias coliformes e a presenza de metais pesados nas augas da Ría foi amplamente documentada.

Cabe sinalar que no marco desta petición a Comisión Europea iniciou o procedemento por infracción incoado por mor da denuncia 2000/4432 referida en concreto á Ría de Vigo, no marco do recurso por incumprimento contra España (asunto C-26-04). A sentenza do Tribunal de Xustiza xa sinalou que o Reino de España incumprira o artigo 5 da Directiva 79/923/CEE para a Ría de Vigo.

José Antonio Fernández denunciou que neste contexto, exponse a construción dunha nova EDAR no mesmo lugar, con novo emisario situado dentro da Ría, sen un sistema de tratamento adecuado de augas e deseñado desde un punto de vista localista, que incumpriría, do mesmo xeito que a actual depuradora, varias directivas comunitarias, ademais de carrexar a afección de cinco Hábitats de Interese Comunitario situados na Xunqueira do Lagares. A este respecto, entregou diversos estudos que documentaban esta vulneración do dereito comunitario.

Tamén compareceu ante a Comisión Serxio Regueira, representante da Plataforma pola Defensa dá Ría de Vigo, que denunciou as obras de Porto de Vigo, a especulación urbanística e diversas actuacións acaecidas na Ría (recheos, almacenamentos de augas residuais, etc… sen os EIA pertinentes) e que pediu un estudo ambiental integral da Ría que inclúa medidas correctoras.

Pola súa banda, tamén interveu Antonio Lores, en nome da Plataforma pola Conservación da Bahía de San Simón, que denunciou un hormigonado e diversos recheos realizados na Ría, relacionadas coas obras do Porto de Vigo que se iniciaron sen a realización previa de ningún estudo de impacto ambiental.

Willy Meyer, vicepresidente da Comisión de Peticións, interveu para destacar que se trata dun claro exemplo da necesidade de protexer a biodiversidade. “Todos somos responsables de preservar a riqueza natural da Ría de Vigo”. Agradeceu aos peticionarios que leven estes problemas ao Parlamento Europeo, “problemas que a propia Comisión Europea recoñeceu”. Por iso, pediu que as tres peticións quedasen abertas e propuxo á Comisión de Peticións que estudase a posibilidade de visitar a Ría. “Leváronse a cabo actuacións na Ría de Vigo que pon en perigo toda a biodiversidade e moitísimos postos de traballo que dependen da pesca e do marisqueo”.

Así mesmo, o eurodiputado de Esquerda Unida interpelou  á Comisión Europea sobre o anteproxecto da nova depuradora de Vigo. A este respecto, indicou que se prevé que 104 millóns de euros (46´66% do financiamento total) provirán de Fondos FEDER. Na súa interpelación, pediu información á Comisión sobre o seguimento realizado do programa de redución da contaminación da Ría de Vigo e, ante unha posible vulneración de normativa comunitaria, instou á Comisión Europea a explicar as “accións emprendidas para garantir que a nova EDAR respecte a Directiva Marco da auga 2000/60/CE, a Directiva 91/271/CEE relativa ao tratamento de augas residuais urbanas, a Directiva 2006/77/CE relativa á xestión da calidade das augas de baño, a Directiva 96/61/CE relativa á prevención e control integrados da contaminación, a Directiva 79/923/CE sobre a calidade esixida ás augas para a cría de moluscos, a Directiva 92/43/CEE (Hábitats) e a Directiva 2006/11/CE relativa á contaminación causada por determinadas sustancias perigosas vertidas no medio acuático”.

Ref: http://www.willymeyer.es/index.php?sec=15&l=es&id=176

Esquerda Unida considera que as declaracións sobre os dereitos da poboación migrante vertidas onte pola Vicepresidenta Fernández de la Vega constitúen unha falacia

EU QUERE ACLARAR QUE NON É CERTO QUE AS PERSOAS INMIGRANTES TEÑAN OS MESMOS DEREITOS QUE O RESTO DA CIDADANÍA

“No xogo macabro da palabra, cando en boca de políticos irresponsables, sempre perde a verdade” con esta declaración respondía o responsable da Secretaría de Movementos Sociais da Executiva Nacional de Esquerda Unida, Xavier Ron, as declaracións sobre os dereitos da poboación migrante vertidas onte pola vicepresidenta Fernández de la Vega.

O responsable de Movementos Sociais indicou que é o que acontece co intercambio verbal entre os representantes da dereita política e económica do estado español, pero máis preocupante é, se cabe, que quen goberna, neste caso Fernández de la Vega, sabendo que as cámaras van recoller as súas palabras, que son unha resposta aos desexos “humanitarios” de Rajoy, manifestara onte que os “inmigrantes tienen las plenas obligaciones y los derechos de ciudadanía”.

Xavier Ron expresou “farto das verdades a medias, afirmo que Fernández de la Vega minte para defenderse doutra mentira”, xa que logo, “Non é certo que as persoas inmigrantes teñan todos os dereitos do que se supón é a cidadanía: teñen máis obrigas que dereitos, e padecen as consecuencias da discriminación que regula a recente reforma da Lei de Estranxeiría”.

Ron motivou as súas declaracións mostrando algúns dos dereitos dos que carece a poboación migrante. Comezou citando a obriga do reempadronamento, figura discriminatoria que só obriga ás persoas migrantes e non aos “autóctonos”, para seguir cun pequeno elenco representativo dos dereitos que non teñen:

- Non teñen dereito ao voto activo ou pasivo..
- Non teñen dereito a convivir cos seus seres queridos ate pasados 5 anos.
- Non teñen dereito á liberdade: outro nome non pode recibir o acoso policial ás persoas migrantes connotadas etnicamente para solicitarlles a documentación (conduta racista institucional).
- Non teñen dereito a unha real negociación do seu salario e contrato laboral: teñen que manter como sexa a cotización á seguridade social, baixo pena de non poder renovar a residencia: de aí que sexa presas doadas de empresarios sen escrúpulos que pagan baixos salarios e negan dereitos laborais adquiridos –aceptan por medo á perda dos “papeis”.

Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida

Esquerda Unida apoia as mobilizacións en contra do decreto do Galego e na defensa da nosa lingua e chama a cidadanía a manifestarse

EU REXEITA AS BASES PARA O DECRETO E AS CONSIDERA UN ATAQUE POLÍTICO SEN PRECEDENTES CONTRA A NOSA LINGUA E A NOSA CULTURA

ESQUERDA UNIDA RECLAMA A RETIRADA DAS DEVANDITAS BASES E A APERTURA DUN AMPLO DEBATE SOCIAL PARA CONQUERIR UNHA PLENA E EFICAZ APLICACIÓN DA LEI E DO PLAN DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Esquerda Unida, organización política que forma parte da plataforma Queremos Galego, saúda a convocatoria de folga no ensino convocada por distintas organizacións sindicais como CCOO, STEG ou CIG para o vindeiro xoves 21 de xaneiro na defensa da nosa lingua, ao tempo que anuncia o apoio á manifestación que se iniciará na compostelá praza da Alameda as 11:30 h.

A nosa organización considera o decreto contra o galego, que pretende aprobar o goberno do PP, un ataque político sen precedentes contra a nosa lingua e a nosa cultura. O devandito decreto traerá consecuencias negativas para a nosa lingua, o alumnado e a propia sociedade.

Esquerda Unida denuncia que o decreto, ademais de ser inxusto, incumpre toda normativa de rango superior ao contravir a proteción do galego. Este decreto traerá como consecuencia a paulatina desaparición do galego, pois cando se pretende equipar dúas linguas en situación de desigualdade, sucede que a máis débil desaparece,
como así o recolle o Informe do Consello da Cultura Galega, que advirte de que “en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego” e que a nosa lingua “precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe”.

Nembargantes, o PP pretende impor a sociedade galega, rachando o consenso histórico, un decreto elaborado de costas a sociedade e a comunidade educativa, como mostra o feito de que o Goberno da Xunta de Galicia aprobou o borrador das bases do decreto, con premeditación e nocturnidade, en plenas festas do Nadal para evitar a contestación da comunidade educativa.

Esquerda Unida participará na manifestación do vindeiro 21 de xaneiro e chama a mobilización da cidadanía, especialmente a comunidade educativa, para demostrarlle ao PP que está a actuar de costas a sociedade galega.

A nosa organización reclama abrir un amplo diálogo social para conquerir unha plena e eficaz aplicación da lei e do plan de normalización lingüística no que ninguén se sinta excluído, polo que en aras da concordia e o entendemento
solicita ao PP a retirada das bases do decreto, falazmente alcumado do plurilingüismo.

Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida

Esquerda Unida considera un fracaso o cumio da ONU sobre o cambio climático celebrado en Copenhague

EU SOLIDARIZASE COS ECOLOXISTAS DETIDOS E POSTOS EN PRISIÓN  POR DESPREGAR DÚAS PANCARTAS NA RECEPCIÓN OFICIAL DA REINA DE DINAMARCA AOS XEFES DE ESTADO

ESQUERDA UNIDA CALIFICA O TEXTO FINAL COMO INSUFICIENTE, INXUSTO, POUCO AMBICIOSO E MOI AFASTADO DE CONVERTERSE NUN MARCO LEGAL PARA A LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO

O fracaso do cumio da ONU sobre cambio climático celebrado en Copenhague, onde estaban postas as esperanzas de supervivencia de millóns de persoas que foron defraudadas, ven a demostrar a irresponsabilidade dos nosos gobernantes que non quixeron comprometerse e traizoaron ao futuro do planeta e das próximas xeracións. Os líderes mundiais mostráronse incapaces de acadar un marco legal eficaz e vinculante contra o cambio climático.

O dito cumio tamén deixou en evidencia a nula capacidade de liderado da ONU e mesmo da Unión Europea, quen se mostrou pouco ambiciosa e despregou unha estratexia errónea ao facer as súas promesas en función da acción dos outros países, o que ven a supoñer un compromiso de reducción da metade do necesario, e dicir nun 20% das súas emisións respecto a 1990 en lugar dun 40% que sería o necesario.

Esquerda Unida afirma que o texto final, xa que logo, non se pode considerar acordo ao non ser compartido pola maioría dos países participantes, é insuficiente, inxusto, pouco ambicioso, ademais de non ser xuridicamente vinculante.

Para EU este cume marcou unha forma de negociar antidemocrática, tanto en relación ao papel das organizacións sociais dentro e fóra do recinto oficial, como en relación ao intento de eliminar a toma de decisións dos países no seo das negociacións colectiva. Así pois os xefes de Estado de 27 países influentes fixeron fracasar o acordo de Copenhague ao intentar obrigar ao resto de países a asinar o seu texto que ten tal falta de claridade que nin tan sequera concreta a data de comezo de decrecemento das emisións, en contrate coas informacións científicas que establecen a dita data no 2017 (IPCC 2007).

Esquerda Unida considera que as promesas de redución ofrecidas semellan insuficientes para protexer o planeta dos perigos do cambio climático. Despois de cerca de dous anos de negociacións e debates, demostrouse que o poder do capital venceu, unha vez máis, as boas intencións a prol do medio natural e as xeracións futuras. O que ven a demostrar que capitalismo e medio ambiente son incompatibles, xa que logo, non se pode manter un sistema económico que necesita o crecemento continuo si os recursos do noso planeta son finitos.

Por outra banda Esquerda Unida solidarizase cos activistas ecoloxistas detidos e postos en prisión, entre os que se atopaba Juan López de Uralde, Director de Greenpeace España, por despregar dos pancartas na recepción oficial da Reina de Dinamarca aos Xefes de Estado durante o Cumio do Clima en Copenhague. Os activistas, tras declarar ante o xuíz, atópanse na cadea en réxime de illamento e sen xuízo ate o vindeiro 7 de xaneiro. EU considera inxusto que persoas que están a loitar pola defensa do medio ambiente e a vida, teñan que pasar as festas na cadea por faltas leves mentres que os xefes de Estado votan as súas casas deixando pasar esta oportunidade histórica.


Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida